Crónica Campionato Galego de Video Submarino
GAVISUB 2026
Durante os días 15, 16 e 17 de maio celebrouse o Campionato Galego de Vídeo Submarino en augas da ría de Arousa. O evento tivo lugar concretamente no Faro de Punta Cabalo, na Illa de Arousa, unha contorna cuns fondos espectaculares para a práctica da fotografía e o vídeo submarino. A organización correu a cargo do Club Pérez-Sub e a FEGAS (Federación Galega de Actividades Subacuáticas)
Venres 15 de maio: Control e tomas de terra
O punto de encontro estableceuse nas instalacións do Club Pérez-Sub en Vilagarcía de Arousa. Ás 15.30 horas procedeuse á toma de control e ofreceuse unha breve charla informativa sobre o desenvolvemento da proba durante os tres días de campionato. Ás 16.00 horas comezaron as tomas de terra, coa restrición de gravar imaxes unicamente nos concellos da Illa e Vilagarcía.
Sábado 16 de maio: Tomas de mar e edición
A xornada comezou ás 08.15 horas coa reunión dos participantes na leira xunto ao Faro de Punta Cabalo, na Illa de Arousa. Tras un breve briefing sobre o desenvolvemento da proba, ás 09.45 horas arrincou a primeira inmersión para as tomas de mar, cunha duración máxima de 100 minutos. Esta primeira sesión concluíu ás 11.35 horas en condicións óptimas: mar en calma total, marea baixa e augas bastante claras para a gravación.
A continuación, os equipos realizaron un descanso para repoñer forzas cun bocadillo, cambiar as baterías dos equipos e substituír as botellas de aire.
A segunda inmersión comezou ás 12.30 horas, coincidindo coa marea subindo e un mar que empezaba a axitarse levemente. Esta sesión finalizou ás 14.20 horas. Os participantes sinalaron que a auga estaba algo máis revolta que na mañá, pero a xornada transcorreu sen maiores contratempos. A única excepción foi o equipo do Club Pérez-Sub, que aos 15 minutos de comezar tivo que saír da auga por un problema técnico na súa cámara; no entanto, lograron resolvelo en 20 minutos e regresaron ao mar para continuar coas súas gravacións.
Tras recoller todo o material, os asistentes trasladáronse ás instalacións do club para desfrutar duns petiscos. Posteriormente, ás 17.00 horas, comezou a fase de edición e montaxe, iniciando a primeira etapa de catro horas para dar forma aos dous vídeos da competición.



-preview.jpg)





