Mergullo Adaptado
Mergullo adaptado: é o conxunto de actividades subacuáticas, en apnea ou escafandra autónoma, que realizan persoas con discapacidades motoras, sensoriais ó intelectuais, precisando por iso unha serie de adaptacións de material, técnicas ou de loxística para poder practicar o mergullo con seguridade.
Nos últimos anos, a escola de mergullo da federación galega de actividades subacuáticas, levou a cabo un extenso labor formativo para dotar aos seus instrutores e guías dos coñecementos necesarios para poder transmitir esta especialidade deportiva a persoas con discapacidade. Contamos actualmente con máis 30 docentes que desenvolven esta actividade en colaboración con distintos colectivos de persoas con discapacidade.
O mergullo é adaptación. Aprender a mergullar é aprender a adaptarnos a un medio onde os seres humanos non podemos ver, oír, respirar, movernos, en definitiva existir tal e como o facemos en superficie, logo, todos os que queremos estar alí temos o mesmo fin, adaptarnos, só necesitamos atopar a forma de facelo.
Os que nos dedicamos á divulgación e ensino do mergullo como unha consecuencia da nosa paixón polo mar, somos conscientes do interese que este esperta nas persoas con discapacidade e sabemos que vale a pena o esforzo para conseguir q ue gocen del ao noso lado.